martes, 7 de octubre de 2008

So elas, por María Varela no Diario de Pontevedra.


Por máis tempo que pase, por máis testemuñas semellantes que chegue a coñecer, non podo deixar de escoitalas, de abraiarme, de admiralas, de rir e chorar con elas. Tralas súas bágoas afundidas no foxo dos anos latexan incribles historias de amor e de escarnio, os segredos escuros das súas vidas anónimas e episodios tan sinxelos como fascinantes no acontecer cotiá dunha muller galega de primeiros do século XX. Naceron lonxe dun berce de faia, sen sabas de algodón nin contos de princesas. As máis delas deixaron axiña a escola a prol dos seus irmáns varóns, para coidar da casa e dos seus maiores, para atender ós animais, ir á ribeira ou faenar no campo. Só guiadas polas sabias palabras das súas avoas, o seu instinto de supervivencia e o sentido común superaron a guerra e a fame, e deron á luz a xeracións enteiras de enxeñeiros, artistas, banqueiros, mestres, xuíces, médicos... Na escuridade do descoñecemento, en silencio e soas. Abríronse camiño ós novos tempos a base de endurecer a pel e a alma, e convertéronse nos piares das súas familias, en heroínas, iso si, de segundo plano. Elas encaran hoxe ó pasar dos días mirando á morte ós ollos. Aínda lles restan folgos para loitar contra a dor de ósos, a soidade e o temor ó olvido. Pero tamén para agarimar ás súas bisnetas. Para alumear o seu camiño, ensinarlles a alzar a voz e a enfrontar os grandes partos da vida sen medo algún. Só elas.

No hay comentarios: